Bases do concurso
A Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) da zona da Coruña convoca para estudantes e adultos o X Concurso de Esopías que se rexerá polas seguintes:
BASES
1. Poderá participar calquera persoa dentro das categorías que se sinalan na base terceira.
2. As persoas participantes presentarán unha esopía orixinal, en castelán ou galego, segundo a guía que se acompaña nesta convocatoria, e tendo en conta a definición desta: Esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres (chío), onde cada palabra leva un número de letras (non está permitido o uso de cifras) igual ás sucesivas cifras do número π.
A esopía terá un mínimo de cinco palabras.
3. Establécense tres categorías nas que o xurado designará un/ha gañador/a por categoría:
- Alumnado de Primaria e 1º e 2º curso da ESO.
- Alumnado de 3º e 4º curso da ESO e bacharelato.
- Adultos/as, maiores de 18 anos.
4. A maiores das categorías anteriores, outorgarase un premio especial á obra máis votada na web polos usuarios (cada persoa soamente pode votar a unha obra en cada un dos concursos).
Os premios consistirán en material informático, audiovisual, didáctico ou educativo.
5. As persoas participantes poderán presentar ata un máximo de 3 esopías, pero só terán opción a un premio.
Os premios poderán ser declarados desertos.
6. O prazo de entrega remata o 7 de marzo de 2025. O xurado fará unha preselección das obras que logo poderán ser votadas na web. O 12 de marzo as esopías preseleccionadas serán expostas na web e poderán ser votadas do 12 ao 19 de marzo, día no que se pechará a votación ás 23:59 horas.
7. As esopías deberán enviarse utilizando o formulario desta web (preme AQUÍ) e ir acompañadas de todos os datos que se solicitan. Deberase encher un formulario por cada obra presentada ao concurso.
8. O xurado será designado por AGAPEMA.
9. A data de entrega dos premios será o 22 de marzo de 2025, durante a celebración da XVIII Feira Matemática 2025 (PALEXCO). O resultado do concurso será publicado na páxina web da Feira Matemática e tamén nesta web.
10. AGAPEMA resérvase a propiedade, durante dous anos, das esopías premiadas, así como dos dereitos de publicación nos medios que considere oportunos. Neste senso o autor renuncia, durante este período de tempo aos seus dereitos de autor.
11. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.