Skip to main content

Casado coas Matemáticas. Segunda Tempada

  • Competición: Matmonólogo - Adultos maiores de 18 anos
  • Matmonólogo: Tras petición dun enorme número de xente (acaso 0 non é un número?) por fin regresa...

    Casado coas matemáticas
    Tempada 2


    Anteriormente, na primeira tempada de Casado coas Matemáticas:
    Corría o 2006 cando o voso heroe coñeceu a unha futura matemática daquela enredada nun barullo de imposible comprensión con máis letras que números chamado Licenciatura en Matemáticas. Tras superaren probas máis difíciles que as de Hércules (ela puxo a sabedoría e eu a paciencia), casaron con anel de banda de Moebius mediante e conseguiron un posto aturando a cativos que, iso si, agradéceno reiterando que a materia que máis odian é as matemáticas.

    Nesta segunda tempada coñeceremos polo miúdo a figura dun ser incomprendido pola sociedade. A da profesora de matemáticas? Non, polo amor de deus. A que mente enferma lle pode interesar iso? Falamos da sufrida figura da súa parella. Repasaremos algúns, listar todos sería imposible, dos traballos que exercemos sen (case) laiarnos.

    Xeógrafo
    Labor que cobra forza especialmente nos comezos da carreira docente coa elección de destinos. Sempre gustei moito da xeografía polo que este traballo iniciábao sempre con gusto. Pero todo acaba cansando. Nótalo cando chegas ó centro número 300 e comezas a preguntarte se A Gudiña non será un sitio inventado. Como Narnia. Ou Murcia. Iso si, agora non hai sitio polo que pasemos no que non se produzan conversas como:
    - Aí di que faltan só 10 kilómetros para Cambados- di miña muller.
    - Francisco Asorey: FP básica, Tecnoloxía como afín e tardes de luns e martes- sáltame un resorte oculto.

    Psicólogo
    Sen dúbida, entendible por todos, o labor fundamental. Soportar a ducias de cativos a diario só debe ser máis doado que aturar ós seus pais. Así que a miña ocupación principal é recibir as súas queixas por todo isto e tentar suavizar a situación: “Xa sabes como son a esa idade”, “Non o diría por mal”, “Agora pensa que o que lle ensinas non o vai usar nunca pero logo...”.
    Logo nada, penso eu. Quen utilizou na súa vida un conxunto baleiro ou un logaritmo. Se nin sequera sei xa o que son! Máis mira, aí están, nalgún esquecido recuncho do meu cerebro sen molestar moito agardando ó intre adecuado para saíren á luz.
    - Presentador dun concurso: “Polo bote do programa... Canto é E elevado a cero?”
    - Eu, rebuscando nos meus coñecementos inútiles, loitando non tanto polo bote como polo meu matrimonio, respondo: “1”.
    (Truco: A resposta a estas cousas sempre é 0, 1 ou infinito. De nada).

    Coelliño de indias
    Na futura versión televisiva deste matmonólogo irá aquí un flashback da primeira tempada onde xa falei desta faceta. De feito aproveito para comentar que estou en negociacións con Netflix pero insisten en Mario Casas para facer o meu papel polo asombroso parecido. Iso din eles, eh? Non é algo meu. Que outra cousa non serei pero humilde, tampouco.
    Mais imos volver ó noso labor como obxectos de experimentación. Tamén é este un traballo fundamental xa que os profesores e profesoras de matemáticas vén nas súas parellas unha especie de páxina en branco onde testar posibles exames ou exercicios.
    “Isto paréceche moi difícil?” pregunta amosando un exame vermello produto das súas múltiples correccións.
    Á parte de que nel hai tres símbolos que levo sen ver dende hai vinte anos, é un exame sobre números “com-ple-xos”. Non che dá unha pista iso sobre a súa dificultade? Tan lista para algunhas cousas...
    Non poucas veces coido que tenta enganarme con cousas que nin sequera existen tan só para rirse de min. Se ata me fala de “números reais”! Iso é, loxicamente, porque outros han ser de mentira. Podía traballar un pouco máis os enganos. Igual que cando vas ó taller e inventan pezas do coche para sacarche máis cartos. “Matriz transposta” ten que ser tan falso como “cigüeñal”.

    Mulo de carga
    Unha morea de libros e xogos matemáticos, froito dalgún tipo de síndrome de Dióxenes, invaden a nosa casa. Podería asegurar que hai un artesán de xogos de lóxica que nos sigue aló por onde imos sabedor de que sempre lle vai comprar algo.
    - “Que cubo de Rubik máis chulo!”.
    - “Non tes algo así como 24 cubos de Rubik?”
    - “Este é totalmente diferente ós outros. Non o ves?”
    A isto hai dous tipos de resposta malia que, curiosamente, ambas levan ó mesmo resultado:
    · Unha correcta: “Ah, si, perdón. Non me decataba”. Merca un novo cubo de Rubik.
    · Outra incorrecta: “Pois non”. Procede a explicarme polo miúdo as obvias diferenzas cos cubos que xa ten e merca un novo cubo de Rubik.
    Ás veces, comete o erro de comparar a súa cantidade de xogos coa miña cantidade, moitísimo máis necesaria, onde vai parar, de cousas relacionadas co pádel e ten que ser ela a que ature as miñas explicacións. Pero isto quedará para un futuro monólogo seu: “Casada co pádel”.
    Non poucas veces toda esta morea de xogos hai que cargalos no coche para levalos ó instituto. Nada comparado, iso si, coas cúpulas de Leonardo que tódolos anos se empeña en levarlle ós alumnos e que temos que ir recoller a sabe deus onde. Como pesan as condenadas! Que pasa Leonardo? Moito inventar cousas pero o do porexpán non se che ocorreu, eh?

    Ben, non me vou estender máis malia que, como antes dixen, hai moitos máis traballos que realizamos: informático, chófer, editor de vídeos, decorador (isto non o vou explicar pero... como volo conto)...
    E diredes: “Xa levas ben anos exercendo ese duro traballo, estarás acostumado”. Si, así debería ser. Pero para que isto non ocorra xa se encargou ela de buscar, buscarnos, novos obxectivos: Fíxose cargo da xefatura de estudos. Ben, máis que facerse cargo, liouna para montar equipo directivo, a mala fe claramente, unha compañeira que, ó ser de infantil, vese que o da plastilina non lle enchía suficientemente o seu tempo (un saúdo Rebeca!).

    Que novos retos deparará o futuro ó voso heroe? Verémolo nunha nova e magnífica terceira tempada de... CASADO COAS MATEMÁTICAS!!
  • Declaro que son o autor/autora:: Declaro que son o autor/autora:
  • Nome e apelidos: DIEGO CASAL GARCÍA