Bases do concurso

logo3A Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) da zona da Coruña convoca para estudantes e adultos o XII Concurso de Fotografía Matemática que se rexerá polas seguintes:

BASES 

1. Tema das fotografías: As Matemáticas. Suxírese en particular o tema das Matemáticas electorais, xa que é o lema do Día Escolar das Matemáticas para o ano 2018.

2. Formatos: Tamaño de impresión mínimo 15 cm x 20 cm, máximo 20 cm x 30 cm e peso máximo das fotografías dixitais, 1,5 Mb

3. A fotografía debe levar un título que a relacione co seu contido matemático. O título tentará ser orixinal e atractivo e será tamén avaliado polo xurado.

4. As fotografías deben ser inéditas, non se admitirán imaxes de montaxes, nin de manipulación dixital. Deberá acreditarse a propiedade intelectual das imaxes presentadas.

5. Cada fotografía matemática deberá ir acompañada dun texto descritivo/explicativo sobre a vinculación da imaxe co mundo matemático, cunha extensión máxima de 100 palabras.

6. Poderán participar estudantes de colexios e institutos, públicos ou privados. Cada un poderá presentar un máximo de 3 fotografías. Tamén poderá concursar nun apartado propio calquera adulto, profesor ou non, interesado na fotografía matemática.

7. Establécense tres categorías nas que o xurado designará un gañador por categoría:

  • Alumnado de Educación Primaria e primeiro ciclo da ESO.
  • Alumnado de segundo ciclo da ESO e Bacharelato.
  • Adultos, maiores de 18 anos.

Os premios poderán ser declarados desertos.

8. A maiores das categorías anteriores, outorgarase un premio especial á obra máis votada na web polos usuarios (cada persoa soamente pode votar a unha obra en cada un dos concursos).

Os premios consistirán en material informático, audiovisual, didáctico ou educativo.

9. A recepción de fotografías será ata o día 31 de marzo de 2018. A votación das obras na web pecharase o día 4 de abril de 2018.

10. As fotografías remitiranse utilizando o formulario específico desta web (preme AQUÍ) e deberán achegar todos os datos solicitados, así como adxuntar a fotografía participante. Deberase encher un formulario por cada obra presentada ao concurso.

11. O resultado do concurso fallarase o 7 de abril de 2018, na XII Feira Matemática, e será publicado na páxina web da Feira Matemática e tamén nesta web.

12. Os premios serán entregados durante a celebración da XII Feira Matemática 2018. Unha selección de fotografías poderán estar expostas durante a celebración desta feira.

13. O Xurado será designado por AGAPEMA

14. AGAPEMA resérvase a propiedade, durante dous anos, das fotografías premiadas, así como dos dereitos de publicación nos medios que considere oportunos. Neste senso o autor renuncia, durante este período de tempo aos seus dereitos de autor.

15. A participación no Concurso implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.

OlimpiadaGalega.jpg   Rebumbio_Cartel_2018_p.jpg    http://www.agapema.org/sites/default/files/Matem%C3%A1ticas%20na%20raia-1.jpg